LINA BO BARDI. BAILAR SOBRE ARQUITECTURA
Tras ler a recensión negativa dun dos seus discos na década dos 70, o polifacético compositor, guitarrista, cantante, produtor discográfico e director de cine italoestadounidense Frank Zappa defendeuse alegando que «escribir sobre música é como bailar sobre arquitectura». Pode que afirmar que ningún texto é capaz de reflectir a intensidade da experiencia musical sexa acertado, pero contrapoñer a danza á arquitectura perde toda validez ao falar da obra de Lina Bo Bardi.
«Arquitecta, deseñadora, artista, escenógrafa etc., sempre pioneira no que hoxe chamamos transculturalidade, Bo Bardi supera continuamente os límites disciplinarios, temporais e mentais propios dos contornos en que traballa», di dela Giacomo Pirazzoli no texto que acompaña o documental Lina Bo Bardi. Poesía Precisa (Belinda Rukschcio, 2013, 54´), editado pola Fundación Arquia.
Das moitas disciplinas que dialogan maxistralmente coa súa arquitectura, quizais a menos mencionada na infinidade de estudos, publicacións, documentais e exposicións que se están a suceder nos últimos anos para reivindicar o talento da poliédrica creadora sexa a danza. «Os lugares habituais e comúns fixeron que o home esquecese a beleza do seu 'movemento no espazo', o seu movemento consciente, de mínimos xestos, de menos actitude...», alertaba porén a propia Lina nun dos seus escritos. E talvez ese aviso sexa a xénese de Une pluie d'été (Arnold Pasquier, 2017, 41 min, vídeo), unha interpretación coreográfica de oito das súas obras máis emblemáticas (Museo de Arte de São Paulo-MASP, SESC Pompéia, Casa de Vidro, Teatro Oficina...), realizada por outros tantos bailaríns dispostos a inventar unha danza para cada unha delas.
Non é a primeira vez que o MASP serve de escenario para o baile: en Anjos da Noite (Wilson Barros, 1987), un dos mellores exemplos do chamado «cinema novo paulista», dous dos protagonistas parecen improvisar uns pasos no amplo van central mentres soa «Dancing in the dark», aínda que ao espectador máis cinéfilo non se lle escape que están reproducindo exactamente a coreografía interpretada por Fred Astaire e Cyd Charyse nunha escena de Melodías de Broadway (The Bad Wagon, Vincente Minelli. 1953). Poucos anos despois, en 1992, e ao ritmo da música de Daniela Mercury, vinte mil espectadores fixeron tremer co seu movemento os mesmos cementos do edificio, chegando a poñer en perigo a súa estabilidade estrutural e obrigando a instalar un sistema de amortecemento para que, baleiro, puidese seguir respondendo á súa vocación de espazo de encontro e lecer para a cidadanía.
Unha das aproximacións máis singulares á figura de Lina Bo Bardi é sen dúbida a do artista e realizador Isaac Julien, que fascinado tras visitar en 1996 o Museo de Arte Moderna de Bahía, crea unhas instalacións con múltiples pantallas nas que se van sucedendo poéticas e suxestivas imaxes en movemento inspiradas no seu traballo Stones against diamonds (2014, 58'28'') e A Marvellous Entanglement (2019, 39'08"). «A arquitectura é creada, "inventada de novo", por cada home que anda nela, que percorre o seu espazo, subindo as escaleiras ou descansando sobre unha varanda, levantando a cabeza para ulir, abrir ou pechar unha porta, sentar ou levantarse para ter un contacto íntimo e ao mesmo tempo crear "formas" no espazo; o ritual primitivo dende o cal xorde a danza...», di Lina Bo Bardi; e Julien recrea esa danza destacando nas dúas videoinstalacións unha imaxe sobre todas as demais: a dunha figura feminina envolta nunha ampla tea, que descende pola escultural escaleira deseñada pola arquitecta para Solar do Unhão seguindo o seu trazado con fermosos movementos sinuosos.