arrow-circle-down arrow-circle-left arrow-circle-up arrow-down arrow-left arrow-line-right arrow-right arrow-up ballon close facebook filter glass lock menu phone play point q question search target twitter
Las cookies propias y de terceros nos permiten mejorar nuestros servicios. Al navegar por nuestro sitio web, aceptas el uso que hacemos de las cookies. Más información Aceptar
X

Centro de documentación / Ciclos

A arquitectura da metrópole no cine (1918-1939)

A arquitectura da metrópole no cine (1918-1939)

No período de entreguerras (1918-1939), cando o cine botaba a andar, a maioría dos artistas e arquitectos ligados ás vangardas figurativas do século XX, utilizou o cine como un elemento de experimentación e formulación de propostas abordadas cunha visión do que podería ser a cidade do futuro.


O exemplo máis paradigmático constitúeo a Metropolis of To-morrow (1929), do arquitecto norteamericano Hugh Ferris, de tanta influencia no cine de ciencia ficción dos anos máis inmediatos, como en Just Imagine (1930) de David Butler e Things to Come (1936) de William Cameron Menzies, ou no máis recente, como o deseño da cidade de Batman, Gotham City, ou o da Nova York de Sky Captain and the World of Tomorrow.
Outros arquitectos importantes como o francés Robert Mallet-Stevens ou o alemán Hans Poelzig tiveron unha intervención decisiva na construción de decorados para o cine. No primeiro caso, entre outros vinte, no deseño cubo-futurista de L’Inhumaine, película de Marcel L’Herbier, ou prestando algunha das súas obras, a Vila Noailles en Hyères (1928), sede do Centre d'art et d'architecture, como set de rodaxe da película surrealista de Man Ray, Le mystère du château de dé (1929). No segundo, levaron a cabo, segundo os seus deseños, a construción completa dunha cidade gótica medieval, o gueto xudeu de Praga, para Der Golem (1920), película expresionista de Paul Wegener.
Pero máis alá da dedicación dos arquitectos a tarefas cinematográficas, nomes cuxa listaxe constituiría unha relación interminable, a metrópole contemporánea e a súa arquitectura foron descritas polo cine como poucas artes o fixeron. Para iso resulta fundamental coñecer as películas chamadas de cross-section ou corte transversal, é dicir, de montaxe de imaxes sincopadas, ligadas polo ritmo das pulsións da gran cidade, pola actividade dos seus habitantes, os seus momentos de traballo, lecer ou descanso, pola velocidade e o dinamismo das súas máquinas, trens, automóbiles e tranvías, polas tensións e fantasías que propicia a nova arquitectura da metrópole moderna.
Son moitas as películas que nos proporcionan esta visión. Á cabeza de todas elas estaría Berlin, die Symphonie der Grozstadt (Berlín, a sinfonía da gran cidade, 1927) de Walter Ruttmann, cineasta e arquitecto que mestura o carácter documental, experimental e narrativo para nos mostrar, cronoloxicamente, a vida cotiá ao longo das vinte e catro horas do día dunha cidade, Berlín, con tomas realizadas ao longo dun ano de rodaxe, ás veces con cámaras ocultas.
Antes que Berlin, die Symphonie der Grozstadt, o fotógrafo e cineasta Paul Strand, xunto co pintor Charles Sheeler, filmara imaxes de Nova York, tomadas da realidade de Manhattan, do seu porto, os seus peiraos de carga e descarga, e das rúas da Gran Mazá. Manhatta (1921), unha película concibida como un poema musical, está baseada no texto de Walt Withman, Mannahatta, nome literalmente escrito así polo gran poeta norteamericano. Os rótulos, cos versos do poema, presiden as doce secuencias que compoñen a película nunha sucesión de doce momentos da vida da cidade, situados entre o albor e o ocaso. Os rañaceos de Nova York móstranse con áxiles movementos de cámara, así como o movemento do xentío en rúas sucadas por riadas de automóbiles e polo metro elevado. Paul Strand e Charles Sheeler estaban ligados ao círculo da Galería 291, de Alfred Steglitz, difusora das vangardas cubista e futurista na cidade dos rañaceos.          
A Bronx Morning (1931) é unha película de Jay Leyda que introduce o espectador no Bronx neoiorquino, mostrándonolo como panorámica xeral dende un tren, mediante dous travelling vertixinosos, un inicial e outro final. Entremedias, a través da montaxe podemos observar vistas deste distrito, o seu carácter e atmosfera, coas actividades cotiás de veciños, adultos e nenos, e a actividade que se desenvolve nos negocios locais. A película é debedora dos achados formais expresados por Walter Ruttmann en Berlin, die Symphonie der Grozstadt.
Parece ser que Rien que les heures (1926), do brasileiro Alberto Cavalcanti, serviu de fonte de inspiración a Walter Ruttmann para a súa película sobre Berlín. Trátase da vida de París, a cidade en marcha e en repouso, tecendo como fío condutor o deambular dunha vella borracha polas rúas da metrópole francesa. Nada máis que as horas, que sería a tradución literal do título, influíu poderosamente nas vangardas artísticas do momento e atraeu tamén a atención de Luis Buñuel, que propiciou a súa proxección na Residencia de Estudantes. Segundo a Gaceta Literaria, no seu núm. 2 de 1927, en Rien que les heures, música «visual», os dous ritmos do cine encárganse de achar o nexo necesario entre as imaxes.
Montparnasse (1929), de Eugène Deslaw, constitúe unha panorámica do distrito parisiense de Montparnasse, habitado por artistas de vangarda como Luis Buñuel ou o futurista italiano Marinetti, cuxa actividade artística nos mostra. Máis interese ten Au Bonheur des Dames (1929), de Julien Duvivier, centrada na construción do París de comezos do século XX. Como película de argumento de ficción, supón unha adaptación da novela de Émile Zola e ten como protagonista a Denise, unha moza orfa de provincias que chega a París para vivir co seu tío Baudu, propietario dunha mercería en decadencia debido aos plans de expansión dos grandes almacéns que xorden na gran cidade, neste caso as Galerías Lafayette, onde Denise será contratada. Precisamente a arquitectura deste edificio móstrase en todos os seus detalles, cos seus espazos, movementos e actitudes de flâneurs, vendedores e clientes.
Destacada polo feito de que as enquisas celebradas entre innumerables críticos a considerasen durante décadas como unha das dez películas máis importantes da historia do cine, The Man with a Movie Camera (1929), de Dziga Vertov, é unha película baseada na súa teoría do cine-ollo, complementada posteriormente coa do cine-verdade. A cámara filma imaxes de San Petersburgo e doutras cidades rusas nos anos inmediatamente posteriores á Revolución Soviética de 1917. Dziga Vertov creou en 1919, con outros cineastas, entre eles a súa muller Elizaveta Svilova, que axudou na montaxe, o grupo Kinoks, que subscribiría numerosos manifestos da vangarda construtivista. The Man with a Movie Camera constitúe cine puro, apoiado na realidade captada pola cámara. Unha realidade que acada o seu sentido mediante a montaxe.

 

Recursos

Todos estes recursos ofrécennos un panorama moito máis complexo e intenso.

 

Ester Roldán. Mallet-Stevens: Arquitectura, cine e modernidade.

Entre 1920 e 1928, o arquitecto e deseñador francés Robert Mallet-Stevens realiza numerosos decorados para o cine e ademais publica varios artigos sobre esta materia.
Ver artigo no Blog FQ