-
Becas y convocatorias
A bolsa ten como obxectivos:
Promover a cultura do emprendemento e a iniciativa empresarial como motor de crecemento económico, apoiando propostas innovadoras no campo do emprendemento social.
Dotar os candidatos de coñecementos e ferramentas que complementen as súas habilidades emprendedoras e que os capaciten para poder facer realidade o seu proxecto de negocio.
Dar impulso a novos proxectos emprendedores xurdidos a partir de valores como o esforzo, o empeño e a innovación.
Poderán optar á bolsa aqueles profesionais titulados en Ciencias Sociais, Ciencias Xurídicas, Artes, Humanidades, Ciencias, Ciencias da Saúde, Ciencias Económicas, Empresariais, Enxeñaría e Arquitectura nunha universidade española ou fóra do país e homologado en España, que teñan permiso de residencia no territorio español, ou equipos interdisciplinarios, compostos principalmente por profesionais, cunha idea de negocio viable, creativa e innovadora.
O proxecto pode ser desenvolvido por un ou máis membros dun estudio/sociedade/agrupamento.
Non poderán optar á bolsa aqueles candidatos que gozasen dunha bolsa de emprendemento social da Fundación Arquia en anteriores convocatorias.
Período de inscrición: dende o 25 de marzo ao 31 de maio de 2019 ás 12 h do mediodía (hora peninsular)
Desenvolvemento do programa: pendente de confirmación por Barcelona Activa. Inicio previsto en xaneiro de 2020.
A documentación requirida poderase enviar a través do formulario de inscrición ata o mesmo día do peche da convocatoria (31 de maio de 2019 ás 12 h do mediodía).
Máis información nas Bases en pdf.
O proceso de inscrición realízase a través da plataforma web da Fundación Arquia e formalízase segundo os seguintes puntos:
A inscrición á convocatoria unicamente se poderá efectuar en liña a través da plataforma da Fundación Arquia.
Para poder iniciar a inscrición, necesitarase previamente acreditación na plataforma web da Fundación Arquia para aqueles que non sexan usuarios FQ ou aínda non estean acreditados.
A participación quedará efectuada cando sexa completado o formulario de inscrición e achegados os arquivos requiridos na convocatoria. Non se aceptarán propostas presentadas por outro medio que non sexa Internet.
A decisión do xurado será inapelable.
A Fundación resérvase o dereito á reprodución e/ou exposición total ou parcial das propostas seleccionadas do concurso.
31 de maio de 2019 ás 12 h do mediodía (hora peninsular)
As solicitudes serán valoradas polo xurado atendendo aos criterios seguintes:
Currículo académico profesional do solicitante ou de cada integrante do equipo, para avaliar a capacidade de liderado, compromiso e motivación cara ao proxecto empresarial.
Memoria do proxecto proposto para a bolsa en que se saliente a súa orixinalidade e viabilidade. Análise Canvas.
Os titores e membros do xurado poderán contactar directamente cos candidatos para realizar unha entrevista personalizada no caso de que se considerase necesario aclarar aspectos sobre a idea ou proxecto.
Cremos en proxectos con gran potencial que deben cumprir os seguintes criterios:
Orixinalidade da idea de negocio: debe ser unha idea creativa e innovadora que achegue un novo enfoque de traballo e que contribúa de maneira significativa no ámbito social.
A idea de negocio deberá contar cunha estrutura clara, ordenada e lexible, así como estar baseada nunha oportunidade de mercado con potencial suficiente de monetización.
Modelo de negocio innovador con alta capacidade de xeración de valor e un gran potencial de crecemento.
O proxecto deberá permitir unha inserción viable no mercado: obxectivos claros e realistas, definición de estratexias e recursos necesarios para levalo á práctica, unha planificación estudada e un orzamento detallado.
Capacidade e liderado do emprendedor ou equipo emprendedor: cómpre posuír cualificacións e coñecementos sólidos e débense demostrar competencias para levar a cabo o proxecto con éxito.
A bolsa inclúe unha praza no Programa de Emprendemento Social de Barcelona Activa, consistente en sesións distribuídas unha vez á semana durante 6 meses que inclúen formación para a elaboración do plan empresarial, para a capacitación en habilidades emprendedoras, titorías de seguimento e experiencias emprendedoras.
Á parte dos servizos e recursos de Barcelona Activa, a Fundación Arquia pon á disposición dos emprendedores bolseiros, dende o primeiro día, un (1) asesor de recoñecido prestixio na xestión do desenvolvemento profesional relacionado co ámbito da arquitectura, que titorizará durante todo o proxecto mediante sesións presenciais e virtuais. Esta titorización orientarase á toma de decisións e guiaraos en todo o proceso de elaboración do plan de empresa e análise da súa viabilidade. Tamén facilitará ao bolseiro, dentro das súas posibilidades, os contactos e as informacións necesarias para traballar o seu proxecto empresarial con éxito. Nesta edición, a titorización do bolseiro correspóndelle a Mónica Bonafonte, directora xeneral da FAD.
Co obxectivo de equiparar as oportunidades de participación a nivel territorial, a Fundación Arquia subvencionará o bolseiro cunha dotación económica de 7000 euros en concepto de axuda para gastos de desprazamento, a fin de que se poida trasladar e asistir a todas as sesións en Barcelona Activa e, a parte do seu equipo, para que acudan ás sesións de acompañamento se o consideran necesario.
A Fundación Arquia proporcionará cobertura ao bolseiro nos termos da póliza de asistencia en viaxe contratada a través da corretoría Arquiseguros.
Barcelona Activa é a organización responsable de impulsar o desenvolvemento económico da cidade de Barcelona, deseñando e executando políticas de ocupación para todos os cidadáns e favorecendo o desenvolvemento dunha economía diversificada e de proximidade.
Dende hai 30 anos impulsa a actividade económica de Barcelona e da súa área de influencia, apoiando as políticas de ocupación, a iniciativa emprendedora e as empresas, ademais de promocionar a cidade internacionalmente e os seus sectores estratéxicos, en clave de proximidade ao territorio.
Santiago Jiménez Cortés
MADRID, ESPAÑA
Liight
Óscar Ortigueira Folgar
PONTEVEDRA, ESPAÑA
cucunver