arrow-circle-down arrow-circle-left arrow-circle-up arrow-down arrow-left arrow-line-right arrow-right arrow-up ballon close facebook filter glass lock menu phone play point q question search target twitter
X

Área profesional / Convocatorias

arquia Próxima

Verbo de arquia/próxima

Antecedentes

A Fundación Arquia, como colaboradora na organización da Bienal Española de Arquitectura e Urbanismo, demandou a creación dun premio á mellor obra realizada por arquitectos menores de corenta anos. O premio, dotado de 15 000 € pola Fundación Arquia, recibiu o nome de Premio Enric Miralles e estivo presente nas edicións VI, VII e VIII da antedita bienal, en que foi concedido a Federico Soriano e Dolores Palacio polo Palacio Euskalduna (Bilbo) en 2001, a Farshid Moussavi e Alejandro Zaera-Polo pola terminal internacional de pasaxeiros do porto de Yokohama (Xapón) en 2003, e a Eduardo Arroyo (No.Mad Arquitectos) polo estadio de fútbol Lasesarre en Barakaldo (Biskaia) en 2005.
 Nesta experiencia detectouse o escaso coñecemento da produción de quen comeza o exercicio da profesión de arquitectura, posiblemente porque están afastados dos circuítos habituais de difusión. Dende a Fundación Arquia viuse a necesidade de paliar esta realidade mediante a creación dun programa específico de documentación e difusión da actividade destes profesionais noveis. Así naceu o programa arquia/próxima no ano 2007, que pretende a divulgación das realizacións dos «arquitectos máis novos», con menos de dez anos de titulación. Con esta definición recoñécese a realidade das distintas formas da práctica profesional.

 

Obxectivo

arquia/próxima é o programa cultural da Fundación Arquia, concibido para lles ofrecer apoio aos arquitectos españois nos dez primeiros anos de exercicio profesional e baseado na difusión, promoción e posta en valor das súas realizacións e principios como profesionais.

 

Estrutura

 O programa estrutúrase en edicións bienais que, mediante equipos sucesivos de comisariado, catalogan e seleccionan as realizacións rexistradas para publicalas nun catálogo e presentalas nos foros arquia/próxima, onde se debaten as realidades do panorama español da arquitectura coas voces e segundo os principios dos seus axentes máis inquedos: os que comezan.

O núcleo do programa é un rexistro aberto na páxina web www.arquia.es/proxima que alberga na primeira edición un máximo de tres realizacións de cada autor e, a partir da segunda, un número ilimitado.

 O deseño inicial do sistema operativo foi encargado ao arquitecto e editor Félix Arranz San Vicente, comisario da primeira edición. O comisariado estaba inicialmente formado polo comisario xeral e o comité científico, composto por un representante do Padroado da Fundación Arquia e por un número variable de arquitectos que representaban os diferentes territorios da xeografía española. Posteriormente, o programa foise adaptando nas seguintes edicións ao cambio de contexto en que se atopaba con respecto ás súas orixes, coa vontade de dotar a arquia/próxima da relevancia, contidos e debates necesarios para converterse nunha base de referencia que conecte cos arquitectos novos e que permita, á súa vez, coñecer o contexto e as inquietudes actuais da xove arquitectura española.

 O xurado pasou de exercer un papel representativo a un papel de condutor/moderador máis participativo e próximo. Para iso, a partir da V edición, o xurado publica artigos e interactúa cos participantes no apartado arquia/próxima do blog da Fundación Arquia.
 Actualmente, componse do comisario xeral, un representante do Padroado da Fundación Arquia e catro comisarios representantes das diferentes zonas xeográficas.
 O programa conta cunha rede de embaixadores, nome que a FQ asigna aos representantes de diferentes zonas e cuxo importante papel consiste en identificar equipos de arquitectos novos que resolveron realizacións que, atendendo ao seu punto de vista, cómpre que estean incluídas no rexistro.

 Finalmente, como culminación do programa arquia/próxima preséntase bienalmente o foro que en formato de debate aberto analiza as conclusións arquitectónicas e sociolóxicas tiradas das realizacións presentadas en cada bienal. Neste marco concédese o premio arquia/próxima dotado de 15 000 € á mellor realización da bienal, onde ademais as 24 realizacións seleccionadas polo xurado son explicadas polos seus autores.

 

A quen interesa

arquia/próxima mostra as realizacións das próximas xeracións de arquitectos españois, publicadas e explicadas polos seus autores. É un sitio aberto para aqueles que queiran coñecer e localizar a nova arquitectura española emerxente.
 A consulta deste rexistro interesa a outros arquitectos (que busquen colaboradores novos ou teñan interese polo que se está a xestar entre a xente nova), a promotores (interesados en atopar arquitectos dispoñibles segundo as zonas xeográficas ou segundo as tipoloxías) e ao mundo editorial (para ver as formulacións teóricas e de opinión da xente nova ou descubrir tendencias no sector).
 Dentro deste rexistro aberto pódese atopar información sobre arquitectos, tipoloxías, zonas xeográficas e obras. As categorías nas que os arquitectos poden incluír as súas realizacións son: proxectos, obras, acción social, acción cultural e formativa, e investigación.

 

Destinado aos arquitectos «máis novos» e as súas «realizacións»

 O rexistro arquia/próxima é unha plataforma de difusión dos arquitectos máis novos e destaca por tres aspectos esenciais:

 O modo de presentaren os seus traballos. Fálase de realizacións coa vontade de ir máis aló dos proxectos e das obras, e nelas pódese incorporar calquera actuación que realiza o arquitecto (propostas, obras para concursos, traballos de investigación, propostas urbanas, deseño, escenografía, restauración etcétera).

O concepto de arquitecto novo. O programa vai destinado aos arquitectos españois máis novos nos dez primeiros anos de exercicio profesional. Non se trata dunha limitación en termos de idade, xa que dá cabida a calquera arquitecto que obtivese a titulación a calquera idade, senón que se refire aos dez primeiros anos de exercicio profesional.

A xestión do rexistro. O arquitecto é quen decide que e como quere mostrar as súas realizacións no espazo (a través da súa área de xestión persoal).


 

Rexístrate na Fundación

Rexístrate como usuario da Fundación nos diferentes perfís de usuario