arrow-circle-down arrow-circle-left arrow-circle-up arrow-down arrow-left arrow-line-right arrow-right arrow-up ballon close facebook filter glass lock menu phone play point q question search target twitter
X

Área Profesional / Exposicións

O cuarto para gardar a vasoira da bruxa

2009

O cuarto para gardar a vasoira da bruxa

 

Alison Smithson recibiu de Axel Bruchhäuser o fascinante encargo de realizar un cuarto para gardar a vasoira da bruxa. Para iso creou, xunto ás copas das árbores, unha pequena cabana asentada sobre uns alicerces que descansan, á súa vez, sobre unha lixeira pendente que descende até o río cruzado por unha ponte tendida desde a casa da bruxa. O seu minúsculo interior está concibido para ver o río, a casa por detrás, mirar cara abaixo e ver o chan do bosque, e mirar cara arriba e ver o dosel que forman as follas e o ceo.

Aínda que lamentablemente en moitos casos a realidade se encargue de desmentilo, non se entende o exercicio da arquitectura se non é para contribuír á construción dun mundo preferible. Para levar a cabo este compromiso debemos pór en marcha, en cada novo proxecto, un proceso creativo que nos permite pasar das intencións á realidade, puidendo conseguir nese complexo percorrido que unha solución que xorde como resposta ao necesario dea como resultado unha obra transcendente.

En gran medida, alcanzar un mundo mellor non é viable sen a reflexión e, para levala a cabo, é necesario distanciarse da realidade para comprendela, xa que se só se exerce a mirada próxima, acábase prestando atención exclusivamente ao particular. Con todo, canto máis nos afastamos, a perda do detalle permítenos percibir a existencia dunha estrutura invisible e difusa que dá soporte ás nosas proposicións. Se seguimos distanciándonos, temos a sensación de que ese armazón é, ademais, parte dun esqueleto aínda máis abstracto e intanxible. Acceder a estes enclaves, aínda que só sexa por un instante, supón penetrar nun universo impreciso e desenfocado en que se dilúen o tempo e os trazos específicos de cada lugar. Probablemente, nestes espazos difusos é onde podemos chegar a recoñecer as actitudes e proposicións dos outros e descubrir afinidades onde a mirada próxima non o permite, máis aínda, diría que, pola súa indeterminación, son idóneos para facerse as preguntas e adquirir os compromisos que deben orientar as nosas decisións.

Facerlle un oco á reflexión non é fácil na cultura da inmediatez en que estamos inmersos, pero conseguilo supón outorgarse a oportunidade de abrir unha xanela cara ao descoñecido, cara á inmensidade que, como ben nos lembra Gaston Bachelard no seu libro La poética del espacio habita dentro de nosotros, "está ligada a unha especie de expansión do ser que a vida reprime e a cautela detén, pero que volve empezar cando estamos sós. Tan pronto como nos inmobilizamos, estamos noutro lugar; estamos a soñar nun mundo que é inmenso. A inmensidade é o movemento do home inmóbil".

Premidos polo exceso de ruído e información, é vital dispor dun acubillo protector requisito indispensable para a procura paciente. Se esta procura é necesaria, e na miña opinión o é, como debe ser o espazo idóneo para exercer a reflexión, ese reduto de máxima liberdade a partir do cal nos proxectamos cara ao exterior? como debe ser o refuxio que proporcione o acougo preciso para pensar nun mundo máis xusto e solidario e, como consecuencia, transformalo nun lugar máis habitable?

Non pretendo esquecerme dos outros refuxios, aqueles que nos apreman cada vez que hai fames negras, conflitos bélicos ou desastres naturais, e dos que con frecuencia nos esquecemos tan pronto como deixan de ser noticia, pero só a través dos primeiros é posible dar a resposta adecuada que esixen os segundos.

Antonello da Messina ideou un destes lugares para acoller a San Xerome, Pai da Igrexa e tradutor da Biblia ao latín, Xulio Verne propúxonolo en De la terre à la lune, Alvar Aalto construíu Nemo propheta in patria cunha intención similar e Le Corbusier pasou os últimos días da súa vida no paradigmático Cabanon. Todos eles teñen en común a súa pequenez e probablemente esta característica fixo que Alison Smithson abrise a súa xanela, a do cuarto, para gardar a vasoira da bruxa, á inmensidade do bosque, Antonello da Messina á inmensidade da refinada paisaxe italiana, Alvar Aalto á inmensidade dos lagos finlandeses, Le Corbusier á inmensidade do Marenostrum, e Xulio Verne á inmensidade máis sobrecolledora de todas, a do universo infinito.

 

 

 

Inauguración

ETSA Sevilla: 22/10/2009

 

Itinerancias

ETSA Sevilla: 22/10/2009 - 25/11/2009
EA U. Francisco Victoria MADRID: 01/12/2009 - 18/12/2009
EA U. Europea MADRID: 15/02/2010 - 11/03/2010
ETSA VALLADOLID: 15/03/2010 - 28/04/2010