-
Centro de documentación
-
Área cultural
-
Área profesional
-
Medios
-
A Fundación
O proxecto «A arquitectura do século XX en España, Xibraltar e as rexións francesas de Aquitaine, Auvergne, Languedoc-Roussillon, Limousin, Midi-Pyrénées e Poitou-Charentes» iniciouse grazas á iniciativa de catro institucións: Fundación Docomomo Ibérico, Arc en rêve centre d'architecture, Government of Gibraltar/Town Planning Section e a Fundació Mies van der Rohe, ás que se sumaron en calidade de participantes asociados a Fundación Arquia e a Ordem dos Arquitectos de Portugal.
O obxectivo xenérico do proxecto era inventariar o patrimonio arquitectónico do século XX en España, Xibraltar e as rexións francesas incluídas no Sudoe, termo utilizado pola Unión Europea para designar o ámbito territorial comprendido pola Península Ibérica e esas rexións.
O proxecto foi aceptado na segunda convocatoria de xullo de 2004 de propostas Iniciativa Comunitaria INTERREG III B Sudoeste (SUDOE) do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) da Comisión Europea. Grazas á concesión do fondo e ao cofinanciamento da Fundació Mies van der Rohe, a Fundación Docomomo e a Fundación Arquia, desenvólvese o proxecto que se materializa nunha base de datos consultable dende Internet, unha publicación con cd-rom e unha exposición.
A Fundación Arquia pon á disposición dos seus usuarios a información da base de datos correspondente a «Arch XX SUDOE España».
DOCOMOMO é a sigla de Documentation and Conservation of buildings, sites and neighbourhoods of the Modern Movement e corresponde á Organización DOCOMOMO Internacional creada en 1990, actualmente con sede en Barcelona.
Co principal obxectivo de inventariar, divulgar e protexer o patrimonio arquitectónico do Movemento Moderno, configurou unha estratexia xeográfica da que derivou a creación da Fundación Docomomo Ibérico, con sede en Barcelona, que coordina a consecución destes obxectivos xerais aplicados a España e Portugal.
O proxecto de Documentación e Conservación do Movemento Moderno (DOCOMOMO) está a levarse a cabo no ámbito territorial ibérico a partir da colaboración de diversas entidades e institucións, especialmente dos colexios de arquitectos, institutos de patrimonio e entidades dedicadas ao coñecemento e á divulgación da arquitectura. Dende a súa constitución, DOCOMOMO Ibérico levou a cabo numerosas iniciativas de documentación e estudo do patrimonio moderno nos territorios ibéricos que se concretaron en publicacións, seminarios e congresos.
A Fundació Mies van der Rohe foi creada en 1983 polo Concello de Barcelona co obxectivo inicial de levar a cabo a reconstrución do Pavillón Alemán deseñado por Ludwig Mies van der Rohe (1886-1969) para a Exposición Internacional de Barcelona de 1929.
Ademais de atender á conservación e ao coñecemento do Pavillón Mies van der Rohe, a Fundació Mies van der Rohe impulsa o debate, a difusión e a sensibilización sobre temas de arquitectura e urbanismo contemporáneos. Tamén promove o estudo da obra de Ludwig Mies van der Rohe e do Movemento Moderno. Atendendo aos seus fins, a Fundació leva a cabo diferentes actividades, como premios, congresos, conferencias, exposicións, obradoiros e instalacións.
Destaca entre estes programas a organización, conxuntamente coa Comisión Europea, do Premio de Arquitectura Contemporánea da Unión Europea - Premio Mies van der Rohe, un dos premios máis prestixiosos de arquitectura de Europa.
A Fundación Arquia constitúese como fundación cultural privada o 23 de maio de 1990 para promover e fomentar actividades de carácter cultural no campo da arquitectura, a construción, o deseño, o urbanismo e, en xeral, o relacionado coa actividade dos arquitectos.
Xestiona os recursos que recibe do Fondo de Educación e Promoción da Caixa de Arquitectos, complementados polos produtos do seu patrimonio e pola recuperación do investimento realizado nalgunha das actividades.
A representación, o goberno e a administración da Fundación corresponden ao Padroado, integrado polas persoas que en cada momento sexan membros do Consello Reitor da Caixa de Arquitectos, así como ao seu director xeral.