Utilizamos cookies y tecnologías similares propias y de terceros, de sesión o persistentes, para hacer funcionar de manera segura nuestra plataforma y personalizar su contenido. Igualmente, utilizamos cookies para medir y obtener datos de la navegación que realizas y para ajustar la publicidad a tus gustos y preferencias. Puedes modificar tus opciones de consentimiento en cualquier momento visitando nuestra Política de Cookies y obtener más información haciendo clic aquí.
Pioneira, visionaria. Creativa incansable. Camaleónica, experimental, multidisciplinar. Admirada e envexada, e aínda invisible e esquecida. Independente, enigmática, cautivadora, abertamente bisexual.
Eileen Gray (1878-1976) foi unha desas persoas que deixan pegada. Unha artista, deseñadora e arquitecta irlandesa adiantada ao seu tempo -ou fóra do seu tempo- creando mobles emblemáticos e obras mestras da arquitectura moderna. A súa foi unha historia intensa e fascinante. Unha historia que, 45 anos despois da súa morte, paga a pena descubrir e lembrar.
Da artesanía á modernidade
Con só 24 anos, Eileen Gray trasladouse a París para dedicarse a deseñar e escapar das convencións sociais e de xénero. Alí entraría nos círculos lésbicos da cidade, líderes da vangarda artística, e abriría a súa propia tenda de mobles baixo o pseudónimo masculino Jean Désert.
A súa obra moveuse entre a tradición e a vangarda, a artesanía e a modernidade.1 Gray experimentaba e, con identidade propia, resonaba a actualidade. Conectada coas tendencias ou avanzado con elas. Mentres que en Alemaña establecíanse as bases do moble moderno, na Bauhaus 2e especialmente da man de arquitectos como Marcel Breuer o Mies van der Rohe3, paralelamente e desde París, tamén o fixo Gray, con creacións que pasaron á historia do deseño de produto, como a mesa Ajustable, a cadeira de brazos Bibendum ou a cadeira Non-conformist.4
Neste contexto, algunhas mulleres comezaban a gañar un oco no campo do deseño e da arquitectura.6 Eileen Gray, Charlotte Perriand7, Lilly Reich. Pero non era un camiño fácil.8 O poderoso arquitecto facía o importante. O edificio, a fachada, a estrutura. É dicir, a parte robusta, duradeira e visible da arquitectura. Como moito, deixaron a pequena escala, o interiorismo e a decoración ás mulleres. O espazo doméstico e efímero.
De feito, o interiorismo era a materia pendente da incipiente arquitectura moderna de Le Corbusier. Eileen Gray criticou este descoido: “A arquitectura exterior parece ter absorbido aos arquitectos de vangarda a costa do espazo interior. Como se unha casa fose concibida dende fóra para os praceres da vista antes que para o benestar dos seus habitantes". Consideraba que a pobreza da arquitectura racionalista se debía á súa falta de sensualidade e empatía, xa que todo estaba dominado pola razón. "A casa non é unha máquina viva. É unha extensión de quen a habita.”9
Así que a irlandesa decidiu pór mans ao asunto. En 1926 creou a súa primeira obra arquitectónica, a casa E-1027, para ela e para o seu compañeiro Jean Badovici. Alí a arquitectura comezou dende o interior. Dentro para fóra. Da vida e da alma. Deseñou absolutamente todo, ata o último detalle -espazo, textura, luz, cor, mobiliario, alfombras, grafismos-, creando un proxecto funcional, sensual, dinámico, flexible e coherente. Fusionou as escalas ata que non puido diferenciar entre mobles e edificio; entre a decoración e a arquitectura. Por primeira vez, o moderno chegou ao interior. Pasando da máquina viva ao mobiliario habitado, con instinto e sensibilidade.
Unha nova forma de vivir
Eileen Gray convídanos a unha viaxe10. Cara á liberación e a sensualidade do fogar. Cara a unha nova forma de vivir, afastada da estrutura estandarizada e da familia nuclear. Na súa obra, o movemento está en todas partes. Os espazos son flexibles e pouco definidos; os mobles axústanse e transfórmanse para se adaptaren aos seus habitantes. O edificio está aberto á interpretación, non etá confinado nas restricións normativas. É unha casa non conformista, performativa, en perspectiva queer11. Ou, como decía ela, un organismo vivente.
Gray buscaba a experiencia sensorial e corporal do espazo habitado. Quería crear fogares que estimulasen os sentidos e a acción do corpo. Algo que tamén defende Juhani Pallasmaa no seu libro Una arquitectura de la humildad12. O arquitecto finlandés lémbranos a esencia multisensorial da arquitectura e a importancia da experiencia espacial que fomenta a nosa participación. Así como «o valor da sensualidade táctil e o erotismo oculto do espazo, os materiais e os detalles, as cores e a luz, que nos brindan experiencias pracenteiras e sedutoras.»
Esa é a arquitectura de Eileen Gray. Unha arquitectura humilde e, á vez, luxosa en detalles, sensacións e evocacións. En palabras de Pallasmaa, unha arquitectura que tenta acomodar, máis do que impresionar; evocar as sensacións íntimas de domesticidade e confort. Que comprende os contextos culturais e sociais, prevé a evolución temporal dos edificios e que nos demostra o poder da empatía e da imaxinación.
A obsesión de Le Corbusier
Por isto todo, a casa E-1027 é hoxe en día considerada unha obra mestra da arquitectura moderna. Le Corbusier foi consciente diso dende o principio. Por iso espertou nel admiración e envexa, ata o punto de converterse nunha obsesión. De feito, o arquitecto construiría o seu famoso Cabanon13 a poucos metros da E-1027 e, nun acto de demostración de poder e dominación, pintaría oito enormes murais nas paredes da casa, sen permiso e contra a vontade de Eileen Gray.14 Ademais, cando o creador da Unité d’Habitation publica os murais na súa obra completa ou en revistas, non menciona a Eileen Gray como autora da casa. Faina invisible e bórraa da historia. Feito que contribúe para que, durante décadas, a E-1027 fose popularmente atribuída a Le Corbusier.15
O paradoxo é que a casa se acabaría salvando polos murais. Agora, restaurada con todos os mobles e elementos orixinais, podemos visitala e percibir así entre eses muros o traballo fecundo e a vida apaixonada dunha muller que creou o seu propio camiño, sen parar, sen asentarse. E que, dalgunha maneira, nos abriu paso a todas e mudou a historia do deseño.
Recursos
Todos estes recursos ofrécennos un panorama moito máis complexo e intenso.
Núria Moliner (Barcelona, 1991) é arquitecta, investigadora, comunicadora e música. Dedícase á divulgación da cultura arquitectónica e á investigación sobre ética social e medioambiental na arquitectura, o urbanismo e o deseño. Actualmente é presentadora, asesora de contidos e guionista de Escala Humana, a serie documental de arquitectura de TVE, premiada na Bienal de Arquitectura Española. Tamén é colaboradora no programa cultural Punts de vista TVE Catalunya, membro do Consello Asesor do Plan urbanístico Superilla Barcelona e comisaria do novo ciclo Architecture Now, para Roca Barcelona Gallery. Recentemente foi comisaria da Bienal de Pensamento de Barcelona e conduciu o documental Punto de inflexión. Traballou para entidades como a Fundació Mies van der Rohe, o Instituto de Cultura de Barcelona, os FAD, Storefront for Art and Architecture NYC, URBANBATfest, Intermediae Matadero Madrid, a Fundación Arquia ou o CoNCA. Participa como comisaria, condutora e comunicadora en festivais, congresos e eventos culturais, comunica en medios audiovisuais e escribe artigos para prensa e publicacións.