arrow-circle-down arrow-circle-left arrow-circle-up arrow-down arrow-left arrow-line-right arrow-right arrow-up ballon close facebook filter glass lock menu phone play point q question search target twitter
X

Área Profesional / Convocatorias

Bolsas 2009

arquia/bolsas convocatoria 2009

X CONVOCATORIA CONCURSO ARQUIA/BOLSAS

20 bolsas para a realización de prácticas profesionais en estudios europeos de Arquitectura

 

  • Bases
  • A Fundación Arquia, atendendo ao valor formativo que supoñen o coñecemento práctico da profesión e a mobilidade xeográfica, convoca a X edición do concurso arquia/bolsas, pola que concede 20 bolsas dirixidas a estudantes nos últimos anos da carreira e a arquitectos novos recén titulados, destinadas á realización de prácticas profesionais en estudios europeos de Arquitectura.

    • Candidatos
    • Poderán optar á bolsa aqueles estudantes de Arquitectura e arquitectos novos con nacionalidade española ou cidadáns con permiso de residencia en España que, na data de finalización da entrega de solicitudes, reúnan os seguintes requisitos:
      Estudantes
      a) Ter superados, nalgunha Escola española de Arquitectura, como mínimo, o 60 % dos créditos necesarios para obter o título de arquitecto.
      b) Estar matriculado no curso 2008/2009 nalgunha Escola española de Arquitectura.
      Arquitectos
      Estar en posesión do título de arquitecto nunha Escola española de Arquitectura ou dun título de fóra do país homologado en España, obtido despois do 30 de abril de 2008.
      Non poderán optar á bolsa aqueles candidatos que xa gozaran dunha bolsa da Fundación Arquia nunha convocatoria anterior.

    • Destinos. Estudios participantes
    • Os estudios de destino son seleccionados polos estudantes de escolas españolas de Arquitectura como os seus preferidos para faceren prácticas profesionais, segundo os resultados da III Enquisa en liña a estudantes de Arquitectura realizada pola Fundación Arquia en 2005. A actualización dos estudios de destino realízase cada 3 anos a través dunha enquisa en liña.
      Os estudios participantes na presente convocatoria, cos cales a Fundación Arquia acordou a admisión de bolseiros en réxime de prácticas, son os seguintes:

      Madrid
      Ábalos+Sentkiewicz Arquitectos

      París
      AJN Atelier Jean Nouvel

      Madrid
      Alberto Campo Baeza

      Porto
      Álvaro Siza

      Barcelona
      Carles Ferrater

      Sevilla
      Cruz y Ortiz Arquitectos

      Londres
      David Chipperfield Architects

      Barcelona
      EMBT Arquitectos

      Madrid
      Emilio Tuñón Arquitectos

      Barcelona
      Estudio Carme Pinós

      Londres
      FOA

      Londres
      Foster and Partners 

      Madrid
      Herreros Arquitectos

      Basilea
      Herzog & de Meuron

      Rotterdam
      MVRDV

      Madrid
      NO.MAD Arquitectos. S.L.

      Rotterdam
      OMA

      Pamplona
      Patxi Mangado

      Madrid
      Rafael Moneo

      Olot
      RCR Aranda Pigem Vilalta

    • Calendario
    • Apertura da convocatoria: 1 xaneiro 2009
      Período de inscrición: 1 de xaneiro ó 30 de abril de 2009
      Resultados: primeira semana de xullo 2009
      Acto de entrega: outubro 2009

    • Modalidades de participación
    • Existen dúas modalidades de participación: expediente académico e concurso. Pode optarse por participar nunha delas ou en ambas as dúas simultaneamente. Convócanse 10 bolsas para cada modalidade. Para asegurar unha axeitada distribución xeográfica das bolsas, ponderarase proporcionalmente ao número de inscricións válidas recibidas por centro e modalidade.
      Expediente académico
      Os candidatos serán seleccionados en virtude do seu expediente académico. Isto valorarase pola media das notas obtidas nas materias superadas na carreira, así como pola media das notas obtidas nas materias superadas en Proxectos (para este efecto, teranse en conta todas as que dependan do Departamento de Proxectos Arquitectónicos). Estas notas medias serán calculadas polo solicitante, tal e como se especifica no Anexo I das Bases.
      Concurso 2009
      Os estudantes serán seleccionados en virtude do material presentado a concurso.

    • Documentación e envío
    • A información pódese editar ata o día no que finalicen as inscricións.
      Expediente académico
      Unha vez realizada a inscrición, acceder a área privada de usuario inserindo o correo electrónico e contrasinal e introducir a media das notas descritas anteriormente na caixa habilitada para tal fin (apartado bolsas, opción 'editar participación')
      Posteriormente requiriráselles aos preseleccionados o PDF do expediente académico.

      Concurso 2009: 'El cuarto para guardar la escoba de la bruja’
      Unha vez realizada a inscrición, acceder a área privada de usuario inserindo o correo electrónico e contrasinal e achegar e completar os campos obrigatorios.
      Material requirido:
      Documento en formato PDF composto por un máximo de 10 páxinas DIN A4 que deberá incluír a documentación necesaria para a completa comprensión da proposta: memoria xustificativa, diagramas, andares, alzados, seccións, perspectivas, fotomontaxes, fotografías de maquetas, etc.
      O tamaño máximo do arquivo PDF será de 5 Mb.

      Non se aceptarán propostas presentadas por outro medio que non sexa Internet ou recibidas unha vez clausurada a convocatoria. A presentación deberá ser a título individual. Para asegurar o anonimato do participante perante o xurado, os arquivos enviados deberán omitir os datos persoais. O material entregado debe incluír, de xeito claro e visible, o lema elixido polo concursante e a súa escola de orixe. O veredicto do xurado será inapelable. A Fundación resérvase o dereito á reprodución e/ou exposición total ou parcial das propostas presentadas ao concurso.

  • Inscrición
  • A inscrición ao concurso arquia/bolsas só pode realizarse a través do sistema de inscrición en liña, enchendo o formulario habilitado.

    Para facilitar o proceso de inscrición podes gardar o estado da inscrición en calquera momento e seguir noutro momento.

  • Data límite de inscrición
  • 30 de abril de 2009 ás 12h do mediodía

  • Data límite envío documentación
  • 30 de abril de 2009 ás 12h do mediodía

  • Xurado
  • O xurado estará composto por:

    Eduardo de Miguel Arbonés

    Pamplona, 1959
    Arquitecto pola Universidade de Navarra con Premio Extraordinario Fin de Carreira. Amplía estudos como bolseiro na Academia Española de Historia, Arqueoloxía e Belas Artes de Roma e como visiting scholar na Escola de Arquitectura da Universidade de Princeton.
    Obtivo diversos premios e distincións entre os que se poden destacar a III Bienal de Arquitectura Española polo centro de saúde de Azpilagaña en Pamplona, a V Bienal de Arquitectura Española polas 8 vivendas de realoxamento no barrio del Carmen de Valencia e a VII Bienal de Arquitectura Española pola ampliación do Palau da Música de Valencia. O centro cultural "El Musical" foi finalista dos premios FAD 2004 e seleccionado para representar ao Pavillón Español na Bienal de Arquitectura de Venecia.
    Realizou tarefas docentes como profesor de proxectos arquitectónicos na Universidade de Navarra, na Universidade Politécnica de Madrid e na Universidade Iberoamericana de México D. F. No ano 1994 trasládase a Valencia, onde exerceu a súa actividade profesional e docente como profesor titual de proxectos arquitectónicos na Universidade Politécnica de Valencia. A súa obra foi reflectida en numerosas revistas e publicacións entre as que atopan El Croquis, A&V, Arquitectura Viva, Architectural Record, Architecture d'Aujourd'hui, Techniques&Architecture e Detail.

  • Tema concurso 2009
  • 'El cuarto para guardar la escoba de la bruja'

    Alison Smithson recibiu de Axel Bruchhäuser o fascinante encargo de realizar un cuarto para gardar a vasoira dunha bruxa. Para iso creou, xunto ás copas das árbores, unha pequena casoupa asentada sobre unhas trabes que descansan, á súa vez, sobre unha lixeira pendente que descende ata o río polo cal cruza unha ponte tendida dende a casa da bruxa. O seu minúsculo interior está concibido para ver o río, a casa por detrás, mirar cara abaixo e ver o chan do bosque e mirar cara arriba e ver o dosel que forman as follas e o ceo.
    Aínda que lamentablemente en moitos casos a realidade se encargue de desmentilo, non se entende o exercicio da arquitectura se non é para contribuír á construción dun mundo preferible. Para levar a cabo este compromiso, debemos poñer en marcha, en cada novo proxecto, un proceso creativo que nos permite pasar das intencións á realidade e poder conseguir nese complexo percorrido que unha solución que xurde como resposta ao necesario dea como resultado unha obra transcendente.
    En gran medida, acadar un mundo mellor non é viable sen a reflexión e, para levar a cabo, é preciso distanciarse da realidade para comprendela, xa que se só se exerce a mirada próxima, acábase prestando atención exclusivamente ao particular. Non obstante, canto máis avanzamos, a perda de detalles permítenos percibir a existencia dunha estrutura invisible e difusa que apoia as nosas propostas. Se seguimos distanciándonos, temos a sensación de que este armazón tamén forma parte dun esqueleto aínda máis abstracto e intanxible. Acceder a estes enclaves, aínda que só sexa por un instante, significa entrar nun universo impreciso e desenfocado no que se dilúen o tempo e os trazos específicos de cada lugar. Probablemente, nestes espazos difusos é onde podemos chegar a recoñecer as actitudes e proposicións dos outros e descubrir afinidades onda a mirada próxima non o permite, diría que, pola súa indeterminación, son ideais para facer as preguntas e adquirir os compromisos que orientarán as nosas decisións.
    Facerlle un oco á reflexión non é fácil na cultura da inmediatez na que estamos inmersos, pero conseguilo supón outorgar a un mesmo a oportunidade de abrir unha fiestra cara o descoñecido, cara a inmensidade que, como ben nos lembra Gaston Bachelard no seu libro "La poética del espacio", habita dentro de nós, "está ligada a unha especie de expansión do ser que a vida reprime e a cautela detén, pero que volve a comezar cando estamos sós. Tan pronto como nos inmobilizamos, estamos noutro lugar, estamos soñando nun mundo que é inmenso. A inmensidade é o movemento do home inmóbil”.
    Presionados polo exceso de ruído e información, é vital dispoñer dun acubillo protector, requisito indispensable para a procura paciente. Se esta procura é precisa, e na miña opinión, si que o é, como debe ser o espazo idóneo para exercer a reflexión, ese reduto de máxima liberdade a partir do cal nos proxectamos cara o exterior? Como deber ser o refuxio que proporcione o acougo preciso para pensar nun mundo máis xusto e solidario e, como consecuencia, transformalo nun lugar máis habitable?
    Non quero esquecerme doutros refuxios, aqueles que nos compelen cada vez que hai fames, conflitos bélicos ou desastres naturais e dos que con frecuencia nos esquecemos logo de que deixan de ser noticia, mais só por medio dos primeiros é posible dar a resposta axeitada aos segundos.
    Antonello de Messina ideou un destes lugares para acoller a san Xerónimo, pai da igrexa e tradutor da Biblia ao latín, Julio Verne propúxonolo en "De la terre à la lune", Alvar Aalto construíu Nemo propheta in patria cunha intención similar e Le Corbusier pasou os últimos días da súa vida no paradigmático Cabanon. Todos eles teñen en común a súa insignificancia e probablemente esta característica fixo que Alison Smithson abrira a súa fiestra, a do cuarto para gardar a vasoira da bruxa, á inmensidade do bosque, Antonello da Messina á inmensidade da refinada paisaxe italiana, Alvar Aalto á inmensidade dos lagos fineses, Le Corbusier á inmensidade do Marenostrum e Julio Verne á inmensidade máis sobrecolledora de todas, a do universo infinito.

    Obxecto do traballo
    Refuxio mínimo entendido como a arquitectura máis humana precisamente por esta condición de protección do corpo e da intimidade, coas necesidades do descanso, a hixiene e a alimentación resoltas.

    Lugar
    O que se estime adecuado. Pode ser real ou virtual, figurativo ou abstracto, mais en ambos os supostos deberá estar xustificada a súa escolla.