Tema: "El cuarto para guardar la escoba de la bruja"
Alison Smithson recibiu de Axel Bruchhäuser o fascinante encargo de realizar un cuarto para gardar a vasoira da bruxa. Para iso creou, xunto ás copas das árbores, unha pequena casoupa asentada sobre unhas trabes que descansan, á súa vez, sobre unha lixeira pendente que descende ata o río polo cal cruza unha ponte tendida dende a casa da bruxa. O seu minúsculo interior está concibido para ver o río, a casa por detrás, mirar cara abaixo e ver o chan do bosque e mirar cara arriba e ver o dosel que forman as follas e o ceo.
Aínda que lamentablemente en moitos casos a realidade se encargue de desmentilo, non se entende o exercicio da arquitectura se non é para contribuír á construción dun mundo preferible. Para levar a cabo este compromiso, debemos poñer en marcha, en cada novo proxecto, un proceso creativo que nos permite pasar das intencións á realidade e poder conseguir nese complexo percorrido que unha solución que xurde como resposta ao necesario dea como resultado unha obra transcendente.
En gran medida, acadar un mundo mellor non é viable sen a reflexión e, para levar a cabo, é preciso distanciarse da realidade para comprendela, xa que se só se exerce a mirada próxima, acábase prestando atención exclusivamente ao particular. Non obstante, canto máis avanzamos, a perda de detalles permítenos percibir a existencia dunha estrutura invisible e difusa que apoia as nosas propostas. Se seguimos distanciándonos, temos a sensación de que este armazón tamén forma parte dun esqueleto aínda máis abstracto e intanxible. Acceder a estes enclaves, aínda que só sexa por un instante, significa entrar nun universo impreciso e desenfocado no que se dilúen o tempo e os trazos específicos de cada lugar. Probablemente, nestes espazos difusos é onde podemos chegar a recoñecer as actitudes e proposicións dos outros e descubrir afinidades onda a mirada próxima non o permite, diría que, pola súa indeterminación, son ideais para facer as preguntas e adquirir os compromisos que orientarán as nosas decisións.
Facerlle un oco á reflexión non é fácil na cultura da inmediatez na que estamos inmersos, pero conseguilo supón outorgar a un mesmo a oportunidade de abrir unha fiestra cara o descoñecido, cara a inmensidade que, como ben nos lembra Gaston Bachelard no seu libro "La poética del espacio", habita dentro de nós, "está ligada a unha especie de expansión do ser que a vida reprime e a cautela detén, pero que volve a comezar cando estamos sós. Tan pronto como nos inmobilizamos, estamos noutro lugar, estamos soñando nun mundo que é inmenso. A inmensidade é o movemento do home inmóbil”.
Presionados polo exceso de ruído e información, é vital dispoñer dun acubillo protector, requisito indispensable para a procura paciente. Se esta procura é precisa, e na miña opinión, si que o é, como debe ser o espazo idóneo para exercer a reflexión, ese reduto de máxima liberdade a partir do cal nos proxectamos cara o exterior? Como deber ser o refuxio que proporcione o acougo preciso para pensar nun mundo máis xusto e solidario e, como consecuencia, transformalo nun lugar máis habitable?
Non quero esquecerme doutros refuxios, aqueles que nos compelen cada vez que hai fames, conflitos bélicos ou desastres naturais e dos que con frecuencia nos esquecemos logo de que deixan de ser noticia, mais só por medio dos primeiros é posible dar a resposta axeitada aos segundos.
Antonello de Messina ideou un destes lugares para acoller a san Xerónimo, pai da igrexa e tradutor da Biblia ao latín, Julio Verne propúxonolo en "De la terre à la lune", Alvar Aalto construíu Nemo propheta in patria cunha intención similar e Le Corbusier pasou os últimos días da súa vida no paradigmático Cabanon. Todos eles teñen en común a súa insignificancia e probablemente esta característica fixo que Alison Smithson abrira a súa fiestra, a do cuarto para gardar a vasoira da bruxa, á inmensidade do bosque, Antonello da Messina á inmensidade da refinada paisaxe italiana, Alvar Aalto á inmensidade dos lagos fineses, Le Corbusier á inmensidade do Marenostrum e Julio Verne á inmensidade máis sobrecolledora de todas, a do universo infinito.
Obxecto do traballo
Refuxio mínimo entendido como a arquitectura máis humana precisamente por esta condición de protección do corpo e da intimidade, coas necesidades do descanso, a hixiene e a alimentación resoltas.
Lugar
O que se estime axeitado. Pode ser real ou virtual, figurativo ou abstracto, mais en ambos os supostos deberá estar xustificada a súa escolla.
En todos os documentos irá indicado claramente só o Lema.
O veredicto do xurado será inapelable.
Non se aceptarán propostas presentadas por outro medio que non sexa Internet ou recibidas unha vez clausurada a convocatoria.
A presentación deberá ser a título individual. Para asegurar o anonimato do participante perante o xurado, os arquivos enviados deberán omitir os datos persoais.
A Fundación resérvase o dereito á reprodución e/ou exposición total ou parcial das propostas presentadas ao concurso.