-
Becas y convocatorias
João Luís Carrilho da Graça nado Portugal en 1952, arquitecto desde 1977.
Premios e distincións: Premio da Asociación Internacional de Críticos de Arte (1992), Premio Secil de Arquitectura, Portugal (1994), Premio Valmor, Portugal (1998, 2008, 2010), Premio FAD, España (1999), Orde do Mérito da República Portuguesa (1999), Premio Bienal Internacional da Luz – Luzboa (2004), Premio Pessoa, Portugal (2008), Premio Piranesi - Prix de Rome (2010), Orden des Arts et des Lettres de la República Francesa – Chevalier (2010), Medalla de la Academia de Arquitectura, París (2012); Premio Internacional de Arquitectura Sacra – Frate - Sole (2012), Premio Bienal Iberoamericana de Arquitectura e Urbanismo (2012), International Fellowship del Real Instituto de Arquitectos Británicos (2015), Miembro Honorario da Orde dos Arquitectos, Portugal (2015), Premio Bienal Internacional de Arquitectura de Buenos Aires (2018), Premio Leon Battista Alberti del Politécnico di Milano, Campus de Mantova, Itália (2018), Premio arpaFil, Guadalaxara, México (2018).
Seleccionado para o premio europeo de arquitectura Mies Van der Rohe en varias ocasións.
Participou na representación oficial de Portugal na 12.ª, 13.ª e 16.ª Bienal de Arquitectura de Venecia e da exposición central da 15.ª Bienal.
Profesor da Facultade de Arquitectura da Universidade de Lisboa entre o 1977 e o 1992 e, posteriormente, entre o 2014 e o 2019; da Universidade Autónoma de Lisboa entre o 2001 e o 2010; da Universidade de Évora entre o 2005 e o 2013; da Universidade de Navarra entre o 2005 e o 2015; da Cornell University, Nova York, en 2015. Actualmente, é profesor na Cátedra Unesco Leon
Battista Alberti do Campus de Mantova do Politécnico de Milán.
Doutor Honoris Causa pola Facultade de Arquitectura da Universidade de Lisboa.
Anupama Kundoo é unha arquitecta recoñecida cuxo traballo experimental sobre os materiais e o impacto no ambiente é internacionalmente recoñecido. É unha das máis destacadas expoñentes dunha nova xeración de arquitectos de países periféricos preocupados por solucións que melloren o hábitat de maiorías e no de minorías.
Fundou o seu estudio en 1990 en Auroville, India. O seu traballo centrouse dende os seus inicios na investigación de materiais e na experimentación para producir unha arquitectura de baixo impacto ambiental e adecuada ao contexto socioeconómico. Un enfoque innovador para a arquitectura, que se basea nunha intensa investigación e experimentación no desenvolvemento de tecnoloxías da construción e na integración de solucións de eficiencia enerxética e do uso da auga a prototipos de edificios que resulten ambiental e socioeconomicamente amigábeis.
31-35 rue Saint-Ambroise, Roger Anger, Paris. © Aurovici Sercomanens
Nun contexto de urbanización sen precedentes, a arquitectura contemporánea demanda andares compactos que limiten o impacto da cidade na contorna. Isto xerou unha profusión de edificios en altura que non son alleos á utilización residencial. Por mor do risco de abandono da escala humana nesta vivenda de alta densidade, onde a monótona repetición de apartamentos empillados uns sobre outros sen un criterio vertebrador acostuma estar acompañada de técnicas industrializadas coma muros cortina e peles monolíticas homoxéneas, este concurso explora a fachada como elemento clave da innovación, que encarna o novo rostro dun urbanismo antropocéntrico e integrador, sustentable desde os puntos de vista ambiental, social e económico.
A fachada dun edificio é un elemento arquitectónico fundamental que establece unha transición entre o interior e o exterior, entre a privacidade do individuo e o espazo colectivo da cidade, entre unhas condicións ambientais manipulábeis e un clima cambiante ao longo das estacións cuxa incidencia pode controlarse mediante saíntes ou dispositivos de protección solar. Mais a «pel» do edificio tamén podería ser un volume máis groso, un espazo habitábel de transición ao estilo dos balcóns e galerías de outrora, mais actualizado. A súa materialidade podería incorporar novos aspectos, como a crecente preocupación polo efecto dos edificios no medio ambiente, a xeración de residuos ou materiais de baixo consumo enerxético. Tamén podería ser un elemento vivo capaz de evolucionar co paso do tempo como esixe a transformación da cidade. E non debes esquecer a porosidade necesaria para que o organismo que alberga poida intercambiar aire co exterior. As fachadas do futuro deben aproveitar o seu potencial para captaren enerxía solar ou auga de chuvia, para facilitaren o contacto coa natureza a través dos hortos urbanos. A repetición de unidades residenciais en edificios de grande altura, que podería levar á monotonía e á dilución da identidade do individuo na colectividade, formúlanos un novo desafío que debemos encarar con ferramentas que anticipen o futuro da fachada residencial, como poden ser a expresión artística e intelectual baseada nas súas condicións formais ou a interiorización de aspectos relacionados coa percepción e a escala humanas. Este futuro, que se pode ver reflectido no rostro do hábitat construído, sintoniza cos valores sociais emerxentes: a preocupación polos problemas sociais, a escala humana e a expresión individual con relación á identidade, a imaxe do individuo e o lugar que ocupa na sociedade ou as decisións materiais e tecnolóxicas que sustentan as definicións espaciais dos baleiros na arquitectura.
Mediante un equilibrio entre os complexos condicionantes expostos que derive nunha solución sintética que englobe todos estes aspectos, pídese unha proposta innovadora de fachada para este tipo de vivenda colectiva en altura. A fachada concíbese como o límite entre o que se constrúe e o que se non constrúe, como un flash da imaxe da cidade futura. A proposta detallará unha área de catro alturas e catro cuartos por altura, extraída dun esquema maior ideado polo participante. As consideracións sobre o tamaño e a altura dos espazos interiores, así como as condicións climáticas, quedarán á escolla dos participantes, aínda que deberán reflectirse na proposta.